Entrevista a Silvia Andrade Barros, educadora especial

Logo de máis de vinte anos de labor educativo, esta profesora de Educación Especial insiste na importancia básica que ten o ámbito familiar á hora de dar continuidade á formación que se ofrece nas aulas e en xeral dunha maior e xeral concienciación social.
Silvia Andrade Barros, se diplomó en Maxisterio, na especialidade de Pedagoxía Terapeútica, o que vulgarmente coñécese como Educación Especial, fai vinte e tres anos, os mesmos que leva desenvolvendo esta difícil pero importantísima profesión. Nacida na pequena localidade galega de Cuntis, nai de dúas fillas, tamén é especialista en Logopedia e con estudos de Psicoloxía. Na actualidade presta os seus servizos no colexio público Perez Viondi da Estrada.

Podes definirnos a túa profesión?
Basicamente, a atención a un grupo de persoas, nenos no meu caso, cunhas necesidades educativas especiais. En concreto, eu atendo a nenos desde os tres ata os cinco anos, todo o que comprende Educación Infantil.

Que diferenza básica hai entre a educación de nenos con minusvalías e os que consideramos normais?
 Hai bastantes diferenzas, pero a fundamental é que con estes nenos é necesario utilizar uns recursos e uns medios específicos para que o seu desenvolvemento integral sexa posible.

E esta circunstancia, a que obriga á hora de executar o seu traballo? en que modifica a acción educativa?
 Nos medios, nos recursos educativos, na metodoloxía….Así, por exemplo, na execución dos programas educativos. Eles non seguen o programa curricular ordinario, senón que necesitan un axuste dos obxectivos, dos medios, do material, etc, todo iso adaptado ás súas necesidades e características, que é o que se chama unha adaptación curricular individualizada.

Cales son as maiores satisfaccións e os desenganos que máis experimenta no seu traballo?
 Satisfaccións moitísimas, moitísimas. Desenganos, con eles directamente, ningún. Satisfaccións todas as que nos podamos imaxinar como seres humanos. O agarimo, o amor… eles non coñecen o rancor, a envexa…
Con todo parecería a primeira ollada que o traballo tivese que ser máis ingrato que educar a nenos digamos que normalizados…
 Todo o contrario, porque eles, calquera obxectivo que outro neno normal, entre comiñas, poida conseguir nun determinado tempo, eles quizais necesitan moitísimo tempo máis, pero cando ti logras ese obxectivo con ese neno, aínda que sexa abotoar unha camisa, a satisfacción que sentes é moi grande, moi grande, porque para el é moi importante. A satisfacción que a túa sentes é a que lle ves na súa cara, a alegría que lle ves cando logra abrocharse un botón.

Trabállase de xeito coordinado coa familia?
 É necesario, totalmente necesaria a coordinación. Se non hai coordinación entre o persoal do centro que se encarga deles e a familia, o logro dos obxectivos deixa moito que desexar, porque o traballo destes nenos non termina á hora da saída do colexio, non termina con ningún alumno en xeral, pois a familia ten que ser a continuación, pero con estes nenos a cousa é moito máis importante porque eles, debido ás súas características, necesitan un traballo non moi pesado pero si moi constante, non que lles canse moito pero que non deixen de facelo durante moito tempo.

E as familias colaboran?
En xeral, si. Neste centro temos a sorte de que a práctica maioría, por non dicir todas as familias, colaboran bastante.

Cal é a actitude do resto de nenos facía estes?
 Hai de todo, pero en xeral, cando son pequeniños, acéptanos estupendamente, é un neno máis para eles. Danse conta da súa dificultade e a tendencia, o seu instinto, é axudar. Por iso o principio de que se é máis beneficiosa a integración é sobre todo para os demais nenos que para os que son de educación especial, aínda que nisto é certo que hai moita xente que non está de acordo, ata os pais dos demais nenos que non entenden moito esta cuestión, pois cren que o mesmo lles prexudica que os seus fillos teñan compañeiros con necesidades educativas especiais na súa clase porque iso vai baixar o nivel de coñecementos dentro do aula, pero, polo menos na miña opinión, iso non é tan importante, xa que se cadra se perde un tempo á semana porque ese nenos necesitan unha atención individualizada por parte do mestre que nese momento está no aula, pero non é tan importante como a riqueza humana que recibe o seu fillo.

Estes nenos son conscientes da súa discapacidade? E se é así, nalgún momento senten cohibidos ou ata rexeitados?
Depende do seu grao de intelixencia, do seu nivel cognitivo. A menor nivel, menos conciencia do seu problema. Cando son conscientes élles moi angustioso, porque é cando se dan conta das súas limitacións e se a xente que lles rodea non lles axuda e non pon todo o seu interese en que este neno teña unha autoestima considerable para superar todo iso e ter a posibilidade de relacionarse cos seus compañeiros, entón pode ter bastantes frustracións ao longo de toda a súa vida. Por iso é tan importante que desde que estes nenos son chiquitos, e refírome aos que son conscientes das súas dificultades, reciban todo o apoio dunha forma correcta, non apoio do tipo dáme mágoa e axúdolle porque pobrecito, non. Trátase dun apoio emocional, de facelos realistas e conscientes de cal é o seu problema pero tamén de todas as posibilidades que teñen de superar os seus problemas,de gozar dunha vida o máis normalizada posible, que é o fin concreto da educación.

A escola pública conta con suficientes medios para poder atender debidamente a estes nenos?
Para nada, non. As principais carencias son sobre todo de persoal. Tamén material, porque moitas veces os profesionais que nos dedicamos a este tipo de educación temos que buscarnos os nosos propios recursos materiais para que a estes nenos non lles falte de nada. No entanto, cada día vai mellorando a situación e por suposto non é o mesmo agora que cando empecei a traballar, que entón é que non tiñamos nada. Pero aínda segue faltando moitos recursos, persoais e materiais.

A preparación do profesorado é a adecuada? Recíclanse? Ponse ao día de novas técnicas?
 En xeral, si. Hai que dicir que a administración non é que nos obrigue, pois a reciclaxe no maxisterio non é obrigatorio, pero se sobreentiende que hai unha vontade xeral á mellora dos teus coñecementos e preparación como profesional, porque estás facendo algo que para ti é moi importante.

Necesitaríase unha educación da propia sociedade respecto desta problemática?
Si, pero evidentemente isto non depende da administración, si da educación, e neste sentido o fundamental é a educación no seo familiar.

A sociedade está concienciada?

 Mentres os nenos son pequenos, non hai tanta problemática. O problema vai xurdindo e en aumento a medida en que o neno vai crecendo, porque xa desde que sae do colexio, onde os temos máis protexidos e teñen unha atención máis individualizada, polo número de alumnos, porque non é que onde van logo non se lles preste atención, a situación complícase. Desde logo a problemática máis grave é a súa saída profesional, porque case non teñen.

Cal sería a solución?
Unha boa alternativa xa se intentou pór en marcha: a concienciación dos empresarios, a cambio quizais dalgunhas vantaxes para eles que os motiven ou incentiven, porque estas persoas teñen dereito a traballar e poden cumprir perfectamente co seu traballo, é máis, dar moito á sociedade, pero a verdade é que non está conseguido do todo. A xente que traballamos neste tema sempre temos presente a esperanza, a ilusión de que se produza unha melloría.

Necesitarían estas persoas unha educación continua ao longo de toda a súa vida?
A verdade é que si. Evidentemente, desde que son moi pequenos, a formación débese facer a conciencia, cos medios adecuados, contando coa colaboración da familia, que realice co neno os tipos de actividade que se lles indica desde o colexio. Todo iso fai que a súa formación sexa moito mellor e que entón non sexa tan importante que ao longo de toda a súa vida teña que estar recibindo unha formación permanente totalmente.

Que valores bota de menos na actualidade que existían antes?
O respecto entre os propios alumnos e destes aos profesores. É un valor que se está perdendo, e que creo que é fundamental, como o é en calquera relación.

A que cre que se debe esta perda?
Quizais a un tipo de educación demasiado distendida en casa, demasiado flexible e por falta de dedicación dos pais cara aos fillos. O respecto apréndese comunicándose, se os pais e os fillos non o fan, non están xuntos, non teñen vivencias comúns, non se fomenta. Témome que non estamos nunha sociedade máis dialogante que antes, e a evidencia está nunha proba moi cotiá: o gran número de horas que pasan os ninos fronte ao televisor ou ao computador. Esa comunicación deixa moito que desexar.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s