Laura Marcos, encargada sección Literatura Infantil e Xuvenil libraría Follas Novas, Santiago de Compostela

-¿Qué forza ten o grupo dos prelectores e primeiros lectores no conxunto da literatura infantil e xuvenil?

-En xeral estamos a falar dun grupo moi forte, moi importante dentro do conxunto. Dende hai catro anos ata agora o crecemento que experimentou ese subgrupo foi moi forte, chegando ata o punto de que todas as editoriais teñen a súa liña para os máis pequechos. Existe un gran consumo deste tipo de libros.

 

-¿Soen acodir máis educadores ou pais?

-Ámbolos dous soen vir por igual. Os mestres adoitan levar cantidades máis grandes de libros, coleccións completas, mentres que os pais soen vir por un título en concreto, ou simplemente porque lles apetece vir botar un ollo e escoller o que mellor lles pareza no momento. O que si é certo é que en gran medida veñen porque o neno ou nena llo pide expresamente.

 

-¿Cal é a temática que abrangue este tipo de literatura?

-Soe centrarse en cousas moi sinxelas : sentimentos, valores, ou ben a propia vida cotiá. O que si que notamos é que moitos pais que veñen eiqui inclínanse por temas específicos, como poden ser medos, a chegada dun novo irmán…Que lles axude a explicarlle ó neno a nova situación que vai vivir, ou simplemente como unha axuda.

 

-¿Qué editoriais que publiquen en galego son as máis recomendables para esta franxa de idade?

-Todas as editorias, galegas ou non, teñen unha liña adaptada a este tipo de público. É moi difícil escoller, xa que todas elas presentan materiais de moi boa calidade. De xeito particular, unha das que máis gusta é Oco e Kalandraka. Coidan moito as ilustracións, son libros particularmente bonitos, polo que gustan moito tanto a adultos como a nenos. Malia todo, dende un punto de vista máis didáctico, os libros publicados por Sotelo Blanco, Everest ou Combel poden ser máis prácticos, xa que aspectos como son o acostumar ó neno á lectura con diferentes grafías pode resultar moi interesante.

 

-¿Cal é a colección que conta con maior éxito de venda?

-Unha das que máis éxito tivo dende sempre son “Os Bolechas” de Sotelo Blanco, ademais de “Leo con Bubela”, da mesma editorial.

 

-¿É cal é o “best-seller” desta libraría dentro deste público?

-Por citar solo algúns deles, “Chocolata” de Oco é un dos que máis nos piden. Da mesma editorial é “Cocorico”, que tivo tanto éxito que leva ano e medio esgotado, e a propia editorial pide ós colexios que non o recomenden ata que volvan a facer outra tirada.

Deixar un comentario